Somos Inclusión Somos Inclusión

SOMOS
INCLUSIÓN

Letra normal Letra grande

FALAMOS?

Teatro Valacar

Teatro Valacar naceu no ano 1989 como taller de teatro e pronto se converteu en compañía teatral, sendo o primeiro grupo de teatro de persoas con discapacidade visual de Galicia. Este proxecto teatral patrocinado pola ONCE e pola Asociación Cultural de Persoas con Cegueira e Déficit Visual de Galicia e dirixido por Pedro Rubín ten o obxectivo de producir transformacións persoais positivas en quen expón as súas fortalezas e a súa creatividade fronte ao público nun escenario.

Este proxecto concibe o teatro como unha ferramenta de convivencia cun mesmo, cunha mesma, e coas demais persoas, unha ferramenta que fomenta o desenvolvemento persoal de quen o practica e un espazo no que o público vexa reflectida a “vida concentrada” cos seus temores, amores, medos, anhelos, sentimentos e alegrías, sempre cos obxectivos de gozar e de facer gozar, de fomentar a calidade artística e de desenvolver as fortalezas persoais, a resiliencia, a intelixencia emocional e o crecemento persoal das e dos intérpretes.

O centro de produción e formación teatral Valacar conta cun centro de aprendizaxe aberto e dinámico onde todas as persoas interesadas poden recibir unha formación teatral práctica e teórica de calidade; unha compañía teatral con produción anual; un premio pioneiro para o fomento da plena integración nas artes escénicas de persoas con diversidade funcional que o ano 2018 destacou o traballo do Grupo de Teatro Chévere e o ano 2019 o de Reyes Lluch; unha sala de teatro intermitente no centro da Coruña e un festival de teatro diferente, para persoas con visión propia de periodicidade anual na cidade de A Coruña, o FTV.

teatrovalacar.com
info@teatrovalacar.com
Sede ONCE. Cantón grande, 3
CP. 15003 (A Coruña)